O conselleiro de Cultura e Educación participou na inauguración da III Xuntanza Empresarial AEDeza, na que se recoñeceu o traballo de oito emprendedores da comarca

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, definiu aos empresarios do Deza como “un referente a seguir”, persoas “valentes, positivas, baseadas na cultura do esforzo e que queredes o mellor para os vosos negocios, para os vosos traballadores e, en definitiva, para o país”. Así o salientou con motivo da III Xuntanza Empresarial AEDeza, na que se fixo entrega dos premios que recoñecen o traballo de oito emprendedores da comarca dezá.

Tal e como destacou o titular do departamento, os emprendedores son un referente tamén para os alumnos e alumnas, que contan coas ferramentas axeitadas para comezar a forxar unha actitude emprendedora desde os propios centros educativos. Deste xeito, Román Rodríguez lembrou que para a Xunta de Galicia é un “obxectivo prioritario” incentivar o espírito emprendedor desde a base do sistema educativo, a través, por exemplo, de ciclos formativos vinculados á realidade social e produtiva, do Plan Eduemprende ou da rede de viveiros de empresas, que xa chega a 19 centros. De feito, un dos institutos que contará cun novo viveiro de empresa, o primeiro nun centro educativo da comarca, é o IES Laxeiro de Lalín.

Os premiados
A maiores, o conselleiro gabou a traxectoria dos oito galardoados este ano cos II Premios AEDeza, así como o labor da Asociación de Empresarios de Deza, responsable da organización do encontro, pola dinamización socioeconómica e empresarial que está a facer na comarca.

En concreto, o premio ao Fomento do Galego na Empresa foi para Técnicas & Gramaxe; o Premio ao Emprendemento recaeu en Kalekói; Dreams Factory Aerocámaras logrou o Premio á Internacionalización, mentres que Mejuto Termodinámica Automática recibiu o Premio á Innovación. Ademais, o Premio especial “Concello de Rodeiro” foi para Cogal, mentres que o Premio especial AEDeza, para José Moure Blanco, a quen llo entregou o conselleiro tras destacar o seu medio século de experiencia á fronte da empresa Muebles Moure.

Pola súa banda, tamén se concederon dous novos galardóns nesta segunda edición do certame: o Premio sectorial da Hostalaría, que alcanzou Jaime Rodríguez Trigás do Kubos Lalín Cóctel Bar; e o Premio sectorial do Comercio, que foi para Meritxell Silva García, polas súas empresas Colorín Colorado e C&C Lalín.

Fuente: Xunta